18 sept 2007

Os cruceiros en Galicia, Arte y Belleza unidos




OS CRUCEIROS EN GALICIA

Os cruceiros están considerados como unha das manifestacións máis xenuínas da arquitectura popular galega e a súa orixe remontase segundo algúns autores á época prehistórica en lugares nos que existían menhires, e que logo, coa chegada do cristianismo deixaron constancia da súa existencia pero baixo formas cristianizadas. Aseméllanse, pero o certo é que non é doado encontrar un igual. A súa presencia nos camiños e lugares sagrados esténdese por toda a nosa xeografía. Os cruceiros son cruces de pedra que se colocan en lugares como son os cruces de camiños, adros de igrexas, ermidas, ou incluso en entradas a cemiterios, sempre en relación con lugares de culto. Tamén se fala algunhas veces de cruceiros ó referirse ás cruces do viacrucis. Estas cruces adoitan alzarse sobre unha plataforma con banzos que é común en Galicia e Irlanda, se ben na nosa comunidade autónoma tamén existen exemplares de cruceiros sen eles. Están tamén situados nas encrucilladas de camiños, e en espacios vencellados con crenzas pagás posteriormente cristianizadas cos propios cruceiros como os lugares máxicos de curación, de reunión de ánimas, bruxas, etc. Deste xeito estes elementos adquiren un carácter simbólico sagrado, normalmente coa función de protección. Outras localizacións comúns son os lugares onde ocorreu algunha morte.
A presencia destes elementos é normalmente de orixe devocional, aínda que non faltan tampouco os motivos rogativos, de loanza ou de ofrenda como causas da súa construcción. Normalmente está financiada por algunha persoa que pretendía gañarse a súa indulxencia ou a da súa parroquia para con Deus; ofrece-la súa construcción como voto para pedi-la curación dunha enfermidade ou protección ante unha situación perigosa. Coa mesma finalidade (é dicir a da protección)se levanta un cruceiro nun campo de feira (para protexe-lo gando) ou tamén nun lugar onde houbo un acontecemento violento, un crime, para evitar ca alma errante das víctimas chegue a danar ós viandantes. O cruceiro é polo tanto un obxecto sagrado, e o lugar onde está emprazado, un espacio tamén sagrado. Se partimos desta concepción non nos poden estraña-las prácticas e costumes diversas que a el se vencellan, coma as ofrendas en petición dalgunha gracia ou coma testemuña de agradecemento por algún favor recibo, paradas de enterros ou procesións... E coma consecuencia destes factores o cruceiro é obxecto de devoción e respecto, e non só un monumento que sinala o límite de parroquias ou concellos.Cada parroquia, cada pobo ten o seu propio cruceiro, ó que os veciños se senten moi unidos. Ese cruceiro foi posto alí para cumprir unha misión nun contexto determinado, e se se o priva do seu ámbito natural queda mutilado, perde o seu valor etnolóxico. Poderemos admirar o seu valor artístico, pero ese cruceiro nunca poderá ser comprendido na súa totalidade. "Canta a pedra, durmida e acochada, da terra nai no garimoso seo, esperta do seu sono milenario e quer ser oración e pensamento, frorece nun varal, estendo os brazos, e póndose de pé faise cruceiro" (Ramón Cabanillas) A xénese e a simboloxía dos cruceiros Refírese nun dos seus escritos Vicente Risco , indicando que hai cruceiros en cruces de camiños, (antigos trivios) substituíndo, se cadra, antigos altares ou monumentos pagáns dedicados ós Lares Viales ou ás divindades indíxenas que os precederon, hai os que son "cruces de término" (nos lindeiros das freguesías ou de antigos coutos), lembrando a antiga consagración das fronteiras; hai os que marcan as estacións do "vía crucis", hai os que recordan unha morte, ou feitos tráxicos como fusilamentos en tempos de guerras civís ou doutras. Este costume segue aínda hoxe, somentes que as cruces que se poñen soen ser de ferro ou madeira. Tamén alude Risco o feito de que en moitos cruceiros aparece unha inscrición na que se recolle o nome da persoa que o mandou construír, pero o máis habitual é que apareza soamente a data. En canto á antigüidade dos cruceiros, Vicente Risco indica que os cruceiros máis antigos en Galicia son do século XIV, máis os de arte realmente popular son os barrocos, do século XVII deica hoxe. Estes cruceiros polo regular todos se asemellan e todos se diferencian, non habendo dous iguais. Teñen estilos diferentes, pero o máis común é que representen unha crucifixión, Cristo crucificado e soidade; mentres que no reverso aparece a figura da Virxe. Estas figuras esculpidas no cruceiro transmiten o sentido da dobre natureza de Cristo, a divina e a humana, a través da maternidade da Virxe, do sufrimento na cruz e da súa morte.As figuras simbólicas principais que se poden atopar nos cruceiros son: a caveira, moitas con dous ósos cruzados, que se soen poñer ós pés dos Cristos; a lúa ós pés da Nosa Señora, os anxos nos capiteis ou nos pés das imaxes; e a figuración do Pecado Orixinal. Esta moitas veces redúcese a unha caveira, representación do home, e unha serpe ou unha píntega representando o pecado que se poñen ós pés do Cristo, ou no varal, ou ben no baseamento. O que se pode considerar como elemento esencial destas construccións é a cruz, coa imaxe da crucifixión do anverso e a da Virxe (Piedade, Dolorosa...) no reverso.Os cruceiros son unha das mostras máis ricas da arquitectura popular galega, nas que a pedra foi traballada para abrir unha xanela á relixiosidade e á historia.Castelao dixo:
"Onde hai un cruceiro houbo sempre un pecado e cada cruceiro é unha oración de pedra que fixo baixar un perdón do Ceo, polo arrepentimento de quen o pagou e polo gran sentimento de quen o fixo.
¿Tedes reparado nos nosos cruceiros aldeáns? Pois reparade.
A Virxe das Angustias , enclavada no reverso de moitas cruces de pedra, non é a Piedá dos escultores, é a Piedade creada polos canteiros.
Os nosos canteiros deixándose levar polo sentimento, non podían imaxinar un home no colo da nai.
Para os artistas canteiros, Xesucristo sempre é pequeno, sempre é o Neno, porque é o Fillo, e os fillos sempre somos pequenos nos colos das nosas nais.Reparade nos nosos cruceiros e descubriredes moitos tesouros"...

Mónica Beatriz Suárez Groba
- Bibliografía consultada: "Galicia 2000: A arquitectura popular galega"; Xunta de Galicia
"Etnografía. Historia de Galicia", Vicente Risco.
"Cousas", Afonso R. Castelao.